Monday 29 de April de 2024

Máis de 250 nenos e nenas de Lousame participarán no Día do Peón, que terá lugar este xoves no campo da festa de San Roquiño


O campo da festa de San Roquiño (Lousame) acollerá este xoves 9 de novembro, ás 11:00 horas, o acto central do XVII Día do Peón, que organiza Brinquedia, a Rede Galega do Xogo Tradicional en colaboración co Concello de Lousame e o CPI Cernadas de Castro. Baixo a lenda “Polo San Martiño, peóns ao camiño”, un total de 252 rapaces e rapazas do CPI Cernadas de Castro, de entre os 3 e os 16 anos de idades, reuniranse en San Lourenzo para facer un lanzamento colectivo de peóns e bailaretes.

O tenente de alcaldesa de Lousame, Esteban Ares García, agradeceu a Brinquedia a elección de Lousame para conmemorar esta xornada e animou aos nenos e nenas “a que xoguen cos xogos tradicionais: que bailen o peón, que xoguen á mariola, ás chapas, ao brilé… porque é unha forma de preservar o noso patrimonio etnográfico e de compartir momentos únicos con amigos e familia”.

Pola súa banda, Xosé Manuel Barreiro, presidente de Brinquedia, explicou que “o peón é un xogo tradicional, un evento de temporada que nace co San Martiño e remata no San Amaro que, como di o refraneiro, vai para o faiado”. Así mesmo, lembrou que o primeiro Día do Peón foi convocado en 2005 e que desde aquela, agás pola paréntese da pandemia, foi un acto que se vén celebrando anualmente.

O acto contará cun obradoiro de construción de peóns, cancións sobre xogos tradicionais e a lectura dun manifesto do Día do Peón a cargo da concelleira de Deportes, Mabel Agrafojo, así como un magosto, cortesía do CPI Cernadas de Castro. A súa directora, Pilar Cobas, sinala que “será un día de convivencia coa rapazada e coa xente que queira acompañarnos”. Neste sentido indicou que se agarda a participación de 252 nenos e nenas, acompañados de corenta persoas adultas.

Brinquedia naceu o 27 de marzo de 2005 logo da Asemblea Fundacional realizada na Casa da Cultura de Riotorto (Lugo) para promover o xogo tradicional galego. Está formada por persoas físicas e xurídicas con interese no patrimonio lúdico. O Día do Peón chegará este ano a Lousame despois de pasar en edicións anteriores por municipios como Brión, Santiago, Ferrol, Melide, Carnota, Outes, Noia, Ourense, Manzaneda ou Pontevedra.